Pleno extraordinario para clarexar contas: toca pedir responsabilidades

Este venres celebrarase o pleno extraordinario de carácter económico que solicitara Veciñanza para clarexar o estado real das contas municipais. Será ás oito e media do serán e animamos a todos os veciños e veciñas de Cuntis a asistiren para coñecer de primeira man a realidade contable a día de hoxe. Os asuntos a tratar na Orde do Día serán os seguintes:

1. Aprobación, se procede, da estimación dos recursos de reposición relativos ao recoñecemento extraxudicial 3/2015
2. Aprobación inicial, se procede, do expediente de modificación de créditos 59/2015 de transferencia de crédito
3. Aprobación inicial, se procede, do expediente de modificación de créditos 60/2015 de crédito extraordinario/suplemento de crédito.
4. Aprobación, se procede, da modificación do anexo de subvencións para o ano 2015
5. Dar conta do informe de intervención sobre a situación orzamentaria actual do Concello
6. Rogos e preguntas

6 - 039 Situación Orzamento Cuntis-page-001Da documentación recibida e da celebración da correspondente Comisión Informativa que precede ao Pleno despréndese unha xestión económica absolutamente caótica e deslabazada por parte do anterior goberno do Partido Popular, na que o descontrol foi a característica principal. Converteuse en xeralizada a contratación pública sen contratos, nin reservas de crédito nin respecto polos procedementos establecidos. As consecuencias agora son fondos e escuros buratos en varias partidas orzamentarias, nomeadamente nas de Obras e Cultura, nas que é preciso realizar modificacións de crédito para poder continuar cun funcionamento minimamente básico ata finais de ano.

Veciñanza esixirá as responsabilidades que correspondan no control e fiscalización de ata o último céntimo de fondos públicos que se tivera malgastado tanto na lexislatura pasada como se ocorrese nesta que xa comezou, e non será en ningún caso cómplice por omisión de ningún tipo de incumprimento legal.

Share

Tamén pode gustarche...